Sunday 05 de May de 2024

Feijóo adianta que o Consello da Xunta do vindeiro xoves realizará unha primeira avaliación dos danos ocasionados polo temporal en estradas e portos de titularidade autonómica


Salienta que a Xunta ten detectadas dificultades en diversas estradas autonómicas nas que hai que reparar noiros e determinados problemas de firme, así como en distintos peiraos da Comunidade

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, adiantou que o Consello da Xunta do vindeiro xoves realizará unha primeira avaliación dos danos ocasionados polo temporal rexistrado este fin de semana en estradas e portos de titularidade autonómica. Así o avanzou durante unha visita ás zonas que resultaron afectadas polas inundacións no concello de Redondela.

Segundo precisou, a Xunta ten detectadas dificultades en diversas estradas autonómicas nas que hai que reparar noiros e determinados problemas de firme, así como en distintos peiraos da Comunidade.

O presidente galego asegurou que a Xunta está a disposición do Concello de Redondela para dar unha resposta a aquelas persoas que por non ter seguro non dispoñen dunha cobertura dos danos sufridos nos seus bens, de xeito que “poidan ter un acollemento por parte da Administración autonómica, da Administración provincial e da Administracións local”.

Feijóo quixo felicitar ao pobo de Redondela, a todos os voluntarios, os veciños, e ao equipo de goberno do Concello porque, dixo, grazas ao seu traballo “estase en disposición de recuperar case ao cen por cen a normalidade deste concello”.

Agradeceu, así, a solidariedade amosada polos redondeláns que “mandaron unha mensaxe a moitos outros pobos galegos afectados tamén polo temporal, e a outros pobos españois” que permite que hoxe, “a pesar das circunstancias, en 48 horas a maioría dos problemas estean solucionados e a totalidade dos problemas estean identificados”.